14 mayo 2007

FOLGAS E MANIFESTACIÓNS ... E AGORA QUÉ?

Despois das xornadas de folga e as manifestacións que tiveron lugar nos días 3 e 9 de maio, a situación permanece igual ou peor:
- Permanece a distinción ensino público- ensino privado, polo interese de algunhas organizacións sindicais de xogar ao despiste mesturando unhas reclamacións (por moi dignas e necesarias que sexan) coa razón de ser da protesta e o malestar do profesorado: a desaparición da xornada reducida nos meses de xuño e setembro.
- A desunión e loita aberta entre algunhas organizacións sindicais no ensino público: os firmantes e os non firmantes do famoso acordo do sábado anterior á folga do día 3. Agora cunha consulta plebiscitaria polo medio.
- A desesperanza e desesperación dos docentes que ven case imparable o calendario fixado pola Consellería pola vía do decreto.

Pero o certo é que:
- Ambalas dúas folgas, pero especialmente a do día 9 foron un éxito de participación.
- O profesorado rexeita a postura da Consellería e reclama a unidade sindical para afrontar este problema.
- Só pola presión e a loita dos traballadores e traballadoras do ensino se conseguirá parar á Consellería.


Por todo isto, a Sección de Ensino de CGT da Coruña segue a facer a tódolos seus afiliados e a tódolos traballadores e traballadoras do ensino o chamamento a participar activamente, como veñen facendo, en tódalas iniciativas mobilizadoras que se plantexen, veñan da organización sindical que veñan, sempre que contribuan á loita contra a desaparición da xornada reducida nos meses de xuño e setembro.